Amigos da República de Ourense. 2005. Comunicado inauguración monumento.

Ourense, 25 de setembro de 2005

 

TEXTOS DA INAUGURACIÓN

MONUMENTO OS REPUBLICANOS OURENSÁNS ASASINADOS. 

   Saír.

 

 

 

 

 

 

 

Discurso de Inauguración.

 

 Palabras de Xosé Lois Carrión:

Eu hoxe non debía estar eiquí.

Ningún dos presentes debíamos estar hoxe eiquí.

Nin vostedes nin eu tiñamos que estar eiquí porque aquel venres, 17 de xullo de 1936, tiña que ter sido só unha xornada ponte entre os días 16 e 18, o remate dunha tranquila semana de mediados de xullo.

Pero o 17 de xullo de 1936 só foi venres, nin sequera un venres máis. Foi o venres que marcou a vida do resto dos días, deica a actualidade.

Se aquel 17 de xullo fora un día normal, non teríamos que estar lamentando aínda hoxe as barbaridades cometidas dende aquel día.

E a maior proba vémola eiquí.

Todas estas persoas que nalgún momento da súa morte pasaron por este lugar tampouco deberon perder a súa vida, que lles foi arrebatada detrás de nós, no Campo de Aragón, ou no Cumial.

 --o--

 Palabras de Xosé Lois Carrión:

O seu delito? Seren persoas honradas e defensoras do Goberno lexítimo, do Goberno da República.

Como o sucedido aquel 17 de xullo de 1936 non tiña por que ter pasado, tampouco estas persoas tiñan que estar eiquí. Nin eiquí nin en ningún outro sitio: asasinadas noutros lugares, ao longo e ancho do Estado español; enterrados en fosas comúns sen que deles saiban nada aínda hoxe os seus descendentes; asasinadas polos nazis nos campos de concentración, ou fusilados por estes cando axudaban á Resistencia a combater aos invasores. Non podemos esquecer aos que se tiveron que tirar ao monte, aos que ingresaron en cárceres, aos que perderon traballo e posesións por non ser afectos ao novo réxime imposto. Aos fillos roubados aos seus pais. A aquelas persoas que se enterraron en vida. Tampouco aos que tiveron máis sorte e acadaron unha nova vida no exilio.

A característica que fai irmáns a todas estas persoas é a súa lealdade á República.

 

Pero as cousas non son como deberían ser. Son como son.

Hai un par de anos, cando dende Amigos da República organizamos a Festa da República o 14 de Abril e a ofrenda floral aos ourensáns e á ourensá asasinados en 1936, 37, 38, 39 e 40 –segundo os traballos iniciados pola amiga Cuca Tovar e continuados polo amigo Xulio Prada, que na actualidade está a investigar as identidades de asasinados en anos seguintes- e que estiveron –e están- nesta fosa común, dixemos que estas persoas, asasinadas, padecían tamén o esquecemento oficial, só lembradas por familiares e amigos.

 

Amigos da República propuxo entón, mediante subscrición popular, erguer un conxunto escultórico que lembrara a todas os republicanos ourensáns asasinados.

 --O--

Palabras de Xosé Lois Carrión:

A idea fíxose finalmente realidade, co apoio unánime de todos os grupos municipais, e hoxe estamos eiquí homenaxeando unha vez máis a todos estes mártires e para que quede constancia do seu recordo, inauguramos esta obra, creada polos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez Iglesias, e na que tamén colaboraron Xoán Antón Vázquez Casas e Francisco Xosé Fernández Naval –Chisco-. Para coñecer un pouco máis desta obra, fala a continuación Alfredo Freixedo.

 --O--

 

 Palabras de Xosé Lois Carrión:

Nestes momentos está presidida por unha fermosa bandeira tricolor, doada aos Amigos da República por Juan García Santiago, veciño de Vilardevós. Esta bandeira estaba colocada na solaina da súa casa os días de festa naqueles anos da República, pero o Golpe de Estado fixo que fora enterrada nunha leira naquel xullo do 36, enterrada con todo amor e coidado. Mostra diso é que pasados 69 anos, foi recuperada e saíu do lugar onde estaba agachada e está como nova, o mesmo estado que lle desexamos á República.

 

Hai que salientar que o Goberno galego ten realizado recentemente unha Declaración institucional a respecto da recuperación da memoria histórica.  Nela indícase que “o mandato de cambio e rexeneración democrática expresado polo pobo galego non pode asentarse sobre o silencio e o esquecemento de milleiros de cidadáns e cidadás galegos que foron vítimas da represión por defender os valores democráticos do autogoberno e o progreso de Galicia. En consecuencia –di-, a Xunta de Galicia expresa o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica democrática, representada singularmente na recuperación, rehabilitación e recoñecemento das vítimas da represión provocada polo levantamento militar de 1936. Este compromiso ha de entenderse como un deber ético, como un acto de xustiza e como unha norma fundamental para garantir a calidade do sistema democrático”.

 

Mentres eses recoñecementos oficiais non chegan, o certo é que este monumento é realidade grazas á colaboración económica, maioritariamente, dos veciños e veciñas da cidade de Ourense, Amigos da República ten asinada a doazón deste conxunto ao Concello de Ourense para que entre no inventario municipal como unha obra máis propiedade de todos os veciños e deste xeito todos nós teremos un anaco da escultura e ela posuirá o corazón de todos nós.

--O--

 

 

Palabras de Xosé Lois Carrión:

 

Como homenaxe a todas estas persoas, incluídas as 5 derradeiras vítimas do franquismo, fusiladas ‘al alba’ o 27 de setembro de 1975, gardemos 2 minutos de silencio.

 

Moitas grazas a todos pola asistencia.

Saúde e República

--O--

 

 

Subir

 

 

---------------------------------------------------------------------------------------

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

HOMENAXE: “ Fermoso monumento da verdade.”

 

 Espir a memoria para encher o silencio.

 Escoitar como ecoan nas paredes os disparos nas tempas, o sangue das cunetas, o ermo da victoria, os desastres e as matanzas.

Reflectir no espello da verdade a imaxe da lembranza. Non queremos esquecer porque sabemos que seguirán existindo.

Irmanarnos nesta necesaria homenaxe, porque pertencemos á grande familia das víctimas da aldraxe e da deshumanización. Sentir o ánimo, o valor, a vontade, a querencia…; con fonda mágoa, co pranto interior, conscientes da natureza da emoción.

Saír xuntos do labirinto de mentiras, para refacer a vida tinguida de dor e iluminada pola forza.

Manter a dignidade cando o mundo se ven abaixo, coa crueldade, coa fame, co medo provocado polo niño de víboras ateigadas de veleno terrorífico.

Recoller  a luz e agradecer a súa herdanza: A dignidade iluminada.

Curar as feridas, os intres de mutilación mental e de recuperación perplexa.

Pensar que o odio é mal conselleiro; aínda que atopar a verdade pase por amosar os crimes contra a humanidade, como tesouro de coñecemento.

Evitar que volva a suceder, coa forza do valor esencial; coa dor  de ver queimadas as raíces que alimentan a vida; co sufrimento por milleiros de persoas sen identificar, espalladas en incontables fosas anónimas. Tantos e tantas desaparecidos en outeiros onde se dí que non medra a herba. Tremor de pernas. Calafrío nas costas…

Amosar admiración, respecto e tenrura por tantas vidas cicatrizadas, e malia todo fecundas. Pai, nai, avó, avoa…, mestres, campesiños…, milleiros de loitadores pola liberdade…, os vosos ósos e os vosos nomes son nosos porque pertencemos a quen amamos.

                                       Ánxeles Cuña Bóveda

 

Subir.

 

 

HOMENAXE: “ Definitivamente ”

 

Definitivamente

habemos de erguer os brazos

e pechar os puños e apretar os dentes

e non deixar que o vento frío queime os nosos labios

 

Definitivamente

non debemos soportar este inferno

non escoitar a radio non ler o xornal

non ver as figuras do televisor

co sorriso aberto de par en par anunciando

métodos eficaces para adelgazar e ser felices

 

Definitivamente

verémonos obrigados a cuspir na cara dos poderosos

aínda que tal postura nos coste un ano de prisión menor

por escándalo e o desterro á terra do nunca máis

...ou a exclusión forzosa do noso apelido

-Caneiro neste caso-

das nóminas gloriosas da cultura nacional

 

Definitivamente

o tempo que me quede

hei de adicalo a esta inútil ocupación

de escribir versos e recitalos

e tamén

como non

ao desacato constante e perpetuo

nocturno aleivoso e premeditado

das regras e normas e preceptos básicos

que dictan os dictadores do sistema gris que vai rezando

o seu rosario de verdades incuestionables

democracia tolerancia respecto vota ciudadano

viva España y los toreros viva Curro Romero y Espartaco

 

Defini­tivamente

habemos de erguer os brazos

e pechar os puños e apretar os dentes

e non deixar que o vento frío queime os nosos labios

 

Xosé Carlos Caneiro

 

Subir.

--------------------------------------------------------------------------------------

 

 

Saír.